MANIFESTO EU DÍA DA CLASE OBREIRA DE GALICIA

10 MARZO, UN POBO SEN MEMORIA É UN POBO SEN FUTURO


Esquerda Unida recorda un ano máis o 10 de marzo de 1972 cando eran asasinados a mans fascistas os compañeiros Amador Rey e Daniel Niebla mentres defendían os dereitos dos traballadores dos estaleiros públicos de Ferrol.

Dende Esquerda Unida, facemos un chamamento á participación, no día 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, nas mobilizacións convocadas polos sindicatos co fin de honrar a memoria dos compañeiros asasinados, así como de continuar a loita polos dereitos que, aínda hoxe, nos vemos na obriga de seguir a defender.

Concretamente, grazas as políticas de emprego do PP, as traballadoras e os traballadores teñen que firmar contratos baseados na miseria, na precaridade e na desigualdade, contratos que rematan cos dereitos fundamentais das persoas.

Dende Esquerda Unida recordamos que a manifestación do 10 de marzo de 1972, en plena ditadura fascista, é un gran exemplo de mobilización que, nas condicións máis duras, acadou unha solidariedade e compromiso obreiro que debemos ter hoxe en día, nunha Galicia con 240 mil persoas desempregadas, como referente. Un pobo sen memoria é un pobo sen futuro.


MANIFESTO DE ESQUERDA UNIDA PARA O 8 DE MARZO

8 DE MARZO. POLÍTICAS PARA FACER QUE A IGUALDADE REAL ENTRE MULLERES E HOMES DEIXE DE SER UNHA UTOPÍA

As mulleres vivimos, con máis crueza, as consecuencias dun sistema inxusto, asentado ideolóxicamente na dominación do home sobre a muller. Baixo a retórica do políticamente correcto, se manteñen políticas que perpetúan  parámetros patriarcais e machistas. É por iso que as mulleres continuamos  infrarrepresentadas nos espazos de toma de decisións, e a nosa presenza ten máis que ver con estatísticas que coa participación igualitaria.
A violencia machista, os feminicidios e infanticidios van en aumento. A prostitución, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, formas extremas de violencia de xénero, son un exemplo do sometemento e abusos que padecemos as mulleres, avalado por un sistema baseado na desigualdade.
A violencia institucional  exercida contra as mulleres, a través dos recortes orzamentarios, a diminución das xa escasas políticas de prevención, xunto coa imaxe discriminatoria e cosificada que se segue a ofrecer das mulleres, fortalecen a desigualdade e a violencia, que son elementos inseparables.
A extrema precariedade laboral á que estamos sometidas vese reflectida na fenda salarial entre mulleres e homes, que vai en aumento e que afecta de xeito máis grave ás mulleres de máis de 45 anos.
A desigualdade e, de xeito clave, a desigualdade de xénero, é un dos piares básicos que sosteñen o sistema capitalista. As normas segregadoras e sexistas, tanto a nivel estatal como autonómico, son exemplo desta desigualdade: a reforma laboral, a lei de educación, a lei de familia do goberno galego, os recortes en sanidade e na atención á dependencia, a precarización e  provisionalidade no emprego, a privatización do público, son medidas que producen un impacto de xénero que provoca o incremento da feminización da pobreza e intensifica os valores represores contra o empoderamento das mulleres.
Por todo isto, dende Esquerda Unida esiximos medidas efectivas e radicais en prol dunha igualdade real, como único camiño cara a esperanza dunha transformación social que garanta a igualdade efectiva entre todas as persoas.
Esquerda Unida fai un chamamento á participación e súmase ás mobilizacións convocadas polo movemento feminista para os vindeiros días, o domingo 6 en Compostela e o propio día 8 nas localidades.

NOVA COORDINADORA DE EU CANGAS

Aurora Prieto ponse ao frente de EU-IU para que Pazos se centre na Alcaldía

Concepción Pazó, Lucía Carballo e Estela Pazos completan a coordinadora

A activista social e excandidata á Alcaldía de Cangas por Esquerda Unida-Izquierda Unida (EU-IU) Aurora Prieto Gago, veciña da parroquia de O Hío, é a nova Coordinadora Xeral desta formación, cargo no que sustitúe a Xosé Manuel Pazos Varela, actual alcalde e que deixa o cargo orgánico para centrarse nas tarefas do seu posto á fronte da institución municipal.
A remodelación afecta tamén a outros postos da coordinadora local, onde as mulleres, a maioría con ampla traxectoria nas filas desta formación progresista, asumen especial protagonismo. Así, como Secretaria de Finanzas foi elexida Concha Pazó, Lucía Carballo como Secretaria de Organización e Estela Pazos como Secretaria de Comunicación.
Cambian os nomes pero mantéñense os principios de EU-IU e o seu obxectivo de transformar gradualmente o capitalismo nun sistema socialista democrático fundamentado en principios de xustiza, igualdade, solidaridade e respeto pola natureza e organizado conforme a un Estado social e democrático de dereito, federal e republicano.

EU CANGAS APOIA A MANIFESTACIÓN DO 27F EN COMPOSTELA

A mobilización está convocada polo sector do mar
Dende Esquerda Unida CANGAS queremos mostrar o apoio á xente do mar e asemesmo o apoio á manifestación que o sector convocou para este vindeiro sábado, 27 de febreiro en Compostela.
Aínda que nun principio a manifestación tiña como obxectivo primordial protestar contra o anteproxecto da Lei de Acuicultura, esta mobilización cidadá, encabezada pola xente do mar, quere mostrar a situación real que está a sufrir diariamente o sector.
Esquerda Unida CANGAS estará presente nesta convocatoria e lembra que haberá autobuses gratuitos que sairán da Estación de Autobuses de Cangas a partir das 10:00 da mañá.
Dende Esquerda Unida CANGAS celebramos a retirada do anteproxecto de Lei de Acuicultura, mediante a cal a Xunta pretendía entregar o litoral e as augas interiores galegas ás multinacionais; aínda que recordamos que neste eido fica moito por mellorar como, por exemplo, no referente á mellora da lei de pesca ou co problema do cerco e a defensa da pesca artesanal, entre outros. 
Segundo explicou estes días Juan Fajardo, membro da dirección de EU e deputado de AGE,  “as facilidades para a instalación das multinacionais e as súas prácticas monopolistas facían deste texto unha bomba perfecta para esnaquizar o noso mar e a economía do noso sector primario”. 

Se ben a presión da sociedade e a manifestación convocada polas confrarías, foron factores decisivos para forzar á Xunta de Galicia a este cambio, o xesto do Goberno non acabará coa manifestación deste sábado e a convocatoria manterase, xa que agora é o tempo de buscar solucións ao problema do cerco e as cotas, a defensa da pesca artesanal, da rexeneración das nosas rías ou de mellorar a lei de pesca; desafíos aos que a conselleira Quintana non está preparada, polo que dende Esquerda Unida seguimos a esixir a súa dimisión.

CONTRA A LEI DE ACUICULTURA

EU celebra a victoria das xentes do mar, que acadaron a retirada da Lei de Acuicultura

Dende Esquerda Unida celebramos a retirada do anteproxecto de Lei de Acuicultura, mediante a cal a Xunta pretendía entregar o litoral e as augas interiores galegas ás multinacionais; aínda que recordamos que neste eido fica moito por mellorar como, por exemplo, no referente á mellora da lei de pesca ou co problema do cerco e a defensa da pesca artesanal, entre outros.
Segundo explica Juan Fajardo, membro da dirección de EU e deputado de AGE,  “as facilidades para a instalación das multinacionais e as súas prácticas monopolistas facían deste texto unha bomba perfecta para esnaquizar o noso mar e a economía do noso sector primario. Tan só a protesta unánime da sociedade lograba, nun primeiro momento, paralizar a lei e, esta mañá, a catro días dunha manifestación multitudinaria, foi posible que o Goberno galego aceptara finalmente retirar o proxecto de Lei de Acuicultura”, expón.
“Se ben a presión da sociedade e a manifestación convocada polas confrarías, foron factores decisivos para forzar á Xunta de Galicia a este cambio, o xesto do Goberno non acabará coa manifestación deste sábado e a convocatoria manterase, xa que agora é o tempo de buscar solucións ao problema do cerco e as cotas, a defensa da pesca artesanal, da rexeneración das nosas rías ou de mellorar a lei de pesca; desafíos aos que a conselleira Quintana non está preparada, polo que seguimos a esixir a súa dimisión”, di Fajardo.